[17/11/2007] Os centros escolares de Galiza poden solicitar xa a súa inscrición na nova edición do programa Vive en Defensa do Monte Galego, a iniciativa de educación e promoción do voluntariado ambiental que leva adiante a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade para espallar a sensibilización co patrimonio natural galego.

Actividades na praia durante o Vive 2007
Na temporada 2007 participaron máis de 1.000 rapaces e rapazas. O programa está dirixido a estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato, que se organizarán en 11 quendas entre o 7 de xaneiro e o 27 de marzo. En cada unha desas quendas, os participantes permanecerán no albergue xuvenil das Sinas (Vilanova de Arousa) durante catro xornadas, de luns a xoves. Serán días para tomar parte en actividades de formación e sensibilización no noso patrimonio.
Recollida de sementes, realización de viveiros, plantación de especies autóctonas... O programa Vive está inzado de actividades para o coñecemento e a defensa do monte. Faranse ademais saídas para a rexeneración de ecosistemas forestais, rutas de orientación e visitas a núcleos rurais poboados. Tamén haberá charlas e proxección de vídeos.
Outorgaranse 25 prazas por centro e tamén poden acudir dous profesores. O prezo será de 44 euros, cun 25% de desconto para aqueles que teñan o Carné Xove ou Máis. Para máis información, pódese chamar ao teléfono 981 957 057.
Ligazóns
- Vídeo 1: Albergue das Sinas
- Vídeo 2: Programa VIVE 2007
© Consellería de Traballo e Benestar
Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado