Vive en defensa do monte galego


Novas

VISITA AO ALBERGUE DAS SINAS

Anxo Quintana: "Temos unha xuventude activa e amante do seu país"

[31/01/2007] O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, visitaron hoxe o albergue xuvenil das Sinas, no que se desenvolve o programa Vive en Defensa do Monte Galego. Quintana salientou o valor desta iniciativa, grazas á que os escolares galegos visitan as zonas queimadas e realizan labores de rexeneración e coñecemento do medio. Nunha primeira quenda de Vive está previsto que pasen polas Sinas un total de 1.000 rapaces e rapazas, procedentes de 40 centros de ensino.

O vicepresidente e o conselleiro do Medio Rural observan os labores de compostaxe

O vicepresidente e o conselleiro do Medio Rural observan os labores de compostaxe

Quintana destacou este programa como un xeito de canalizar e manter viva a resposta solidaria a prol do monte galego que xurdíu tras a vaga de lumes do verán pasado. Así, manifestou que "non se trataba dunha resposta puntual ante unha situación crítica, senón un compromiso de acción permanente para aproveitar a resposta da xente no camiño do coidado e a recuperación do contorno".

Anxo Quintana aproveitou a súa visita ao albergue das Sinas -Vilanova de Arousa- para rachar co estereotipo dunha mocidade despreocupada e carente de valores. Segundo o vicepresidente, a boa acollida do programa Vive deixa constancia de que "temos unha xuventude activa e amante do seu país".

Ata finais de marzo participarán en Vive un total de 1.000 escolares galegos de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato, pertencentes a 40 centros de ensino. A iniciativa, que trata de "estender a preocupación e o respecto polo medio aos máis novos" terá continuidade en anos sucesivos. O éxito desta experiencia levou a que exista xa unha lista de espera para acollerse á mesma.

Na visita desta mañá, Anxo Quintana e Alfredo Suárez Canal coñeceron de primeira man as tarefas desenvolvidas polos alumnos, como os xogos de rol enfocados á conservación do medio, a compostaxe ou a construción de niños para paxaros. Vive contempla a realización de actividades sobre a terra queimada e a recollida e tratamento de sementes de especies de interese. Ademais, entre outras propostas, desenvólvense roteiros divulgativos ou iniciativas destinadas a interpretar o noso patrimonio natural e cultural.

Os contidos didácticos combínanse en Vive cos xogos e actividades lúdicas -tamén de contido ambiental- que reforzan a concienciación e o respecto dos rapaces e rapazas polo contorno. O obxectivo, segundo dixo hoxe Quintana, é facernos conscientes de que "se cada un de nós fai algo polo medio, ese pouco que aportemos significará un gran avance para lograr un maior respecto e coidado do noso contorno natural e evitará a degradación e as agresións que se producen moitas veces".

 Voltar


© Consellería de Traballo e Benestar
Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

RSS | Aviso legal | Accesibilidade