[21/01/2009] Expertos e técnicos en materia forestal en Galicia daranse cita nas xornadas técnicas que promove a concellería de Medio Rural e que comezan este venres, 23 de xaneiro.

Debaterase sobre a xestión e usos do monte
Durante todo o día do venres, e na mañá do sábado, o Hotel Carlos 96 de Melide será escenario das primeiras xornadas técnicas sobre a xestión do monte galego. A concellaría de Medio Rural de Melide é organizadora destas xornadas, para as que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.
As xornadas levan por título "Valorización do sector forestal e multifuncionalidade do monte na comarca da Terra de Melide". Representantes das tres universidades galegas, técnicos da Consellaría do Medio Rural, membros de asociacións e entidades que teñen o eido forestal como campo de actuación achegarán os distintos puntos de vista sobre o rendemento do monte galego, alternativas á súa explotación e coñecementos silvícolas actuais que fan do monte un alicerce económico de Galicia.
Todas as persoas interesadas en participar neste evento -que será aberto ao público, sen custo ningún-, poderán facelo inscribíndose ata o venres no Concello de Melide (Concellaría de Medio Rural).
© Consellería de Traballo e Benestar
Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado