Novas

AGÁRDASE A PARTICIPACIÓN DUNHAS 2.500 PERSOAS

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade organiza en 2009 83 actividades e cursos de formación do voluntariado.

[13/01/2009] O novo calendario aposta por unha oferta de actividades máis especializada e descentralizada xeograficamente para adaptarse á realidade da acción voluntaria.

Cartel de Móvete 09

Cartel de Móvete 09

O director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, presentou onte o III Programa de Formación do Voluntariado, que inclúe este ano a celebración dun total de 83 actividades nas que se estima que participarán unhas 2.500 persoas.

Segundo explicou o director xeral, o calendario deste ano refórzase con respecto ao de 2008, cando se impartiran 54 cursos, e aposta por unha maior descentralización xeográfica destas actividades, levándoas non só ás cidades, senón tamén este ano ás vilas galegas. Cela tamén sinalou que en 2009 se incorporan novidades a prol da mellora na calidade da formación que o departamento autonómico ofrece na área da solidariedade, no camiño fixado no Plan Galego de Voluntariado 2006-2010, no que se recollen os obxectivos de mellorar, sistematizar e cualificar a formación do voluntariado; así como os de crear unha estrutura de información, formación e sensibilización.

A oferta deste ano inclúe cursos presenciais e en liña en seis ámbitos: inclusión social, autonomía persoal, infancia, cooperación, voluntariado ambiental e voluntariado cívico. Rubén Cela destacou como outra das novidades do Plan a especialización dos cursos, xa que as propias entidades de acción voluntaria (EAV) demandaron temáticas concretas como a saúde mental, a dependencia ou a inclusión social, ou o cibervoluntariado, entre outras.

Así mesmo, tamén se continúa cos cursos do Voluntariado en Defensa do Monte Galego. En total, os cursos encádranse en seis áreas: voluntariado e inclusión social, voluntariado e autonomía persoal, voluntariado e infancia, voluntariado e cooperación, voluntariado ambiental e voluntariado cívico.

O director xeral salientou ademais a participación no deseño deste programa de actividades. Neste novo ano, para planificar a formación presencial e en liña, contouse coas contribucións das Entidades de Acción Voluntaria (EAV), das tres universidades, os concellos e outros departamentos autonómicos, abrindo unha canle de participación a través deste portal no que se podían enviar suxestións sobre os cursos, contidos e horarios co fin de poder facer a formación o máis axustada posible ás esixencias da realidade do voluntariado.

O director xeral salientou ademais a participación no deseño deste programa de actividades. Neste novo ano, para planificar a formación presencial e en liña, contouse coas contribucións das Entidades de Acción Voluntaria (EAV), das tres universidades, os concellos e outros departamentos autonómicos, abrindo unha canle de participación a través do portal do Voluntariado Galego no que se podían enviar suxestións sobre os cursos, contidos e horarios co fin de poder facer a formación o máis axustada posible ás esixencias da realidade do voluntariado.

Liñas de actuación

No Programa de Formación do Voluntariado 2009 continuarase coas dúas liñas de actuación que se viñan realizando ata o de agora. Unha presencial, que se desenvolverá nas cidades e vilas co fin de poder achegar os cursos a todas aquelas persoas que queiran participar; e outra de teleformación, a través de www.voluntariadogalego.org. Esta última está dirixida a aquelas persoas con dificultades para participar na formación presencial por incompatibilidades cos seus horarios laborais ou responsabilidades familiares.

Así mesmo, haberá dous niveis, inicial e especializado. O primeiro está pensado para as persoas que teñen unha primeira toma de contacto co mundo da solidariedade, mentres que o segundo se enfoca cara a aqueles que xa estaban a participar neste eido.

Por outra banda, por segundo ano ofértase conxuntamente coas tres universidades galegas unha formación específica para o colectivo universitario como persoas comprometidas coas accións voluntarias en diferentes áreas ou eidos máis específicos de actuación como o da saúde, o dos penais, o da psicoloxía, etc.

Tamén se continúa a colaborar cos diferentes departamentos da Administración autonómica, coa finalidade de poder coordinar accións e actuacións conxuntas cara a unha problemática concreta, como é o Proxecto Rodela. Así, desenvolverase unha formación específica para aquelas persoas que van colaborar e participar no proxecto de acompañamento a mulleres vítimas da violencia.

Os interesados en participar nestes cursos poden solicitar máis información no Teléfono Solidario 900 400 800 ou consultar o apartado Plans e programas do portal.

 Voltar


© Consellería de Traballo e Benestar
Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

RSS | Aviso legal | Accesibilidade